Samsung Pay integra as tarxetas do BBVA

Samsung Pay, o servizo de pagos móbiles do fabricante surcoreano, vén de engadir a compatibilidade coas tarxetas do BBVA, o que supón unha penetración do 88% de potencias clientes nas principais entidades bancarias que operan no estado Español.

As clientas do BBVA xa poden engadir as súas tarxetas aos smartphone e smartwatches de Samsung compatíbeis con Samsung Pay para poder realizar pagos en calquera establecemento que conte cun TPV compatíbel cos pagos contactless.

O sistema de pagos móbiles Samsung Pay xa superou os dous millóns de usuarios activos no Estado, que realizan 50.000 transaccións diarias de media e moven dous millóns de euros, segundo as cifras compartidas pola compañía.

Outros proxectos de Samsung e BBVA

Máis aló de Samsung Pay, Samsung e o BBVA están a traballar en conxunto noutras solucións para as usuarias de ambas compañías. Por unha banda, a aplicación do BBVA tamén conta cunha versión específica para os wearables de Samsung, de maneira que os modelos Galaxy Watch Active, Galaxy Watch ou Gear 3 permiten ás usuarias da entidade bancaria consultar o saldo dos ingresos ou gastos do día, así como ver os caixeiros máis próximos.

Por outro lado, ambas empresas acordaron integrar a pegada dixital ultrasónica do Galaxy S10 na app do BBVA, así como desenvolver unha app específica para o modelo plegábel Galaxy Fold.

Xa por último, Bixby, o asistente de voz de Samsung, integrouse na app do BBVA, de maneira que o banco converteusen no primeiro que emprega esta funcionalidade de intelixencia artificial para atopar caixeiros ou aportar información ás usuarias sobre as oficinas ou algunhas dúbidas frecuentes.

Sobre o autor

Reply