Telefónica vén de anunciar o acendido da rede 5G en 82 concellos de Galiza, unha cifra que se incrementará até acadar os 134 a finais de ano, o que supón chegar até o 75% da poboación galega, que no caso da provincia de Pontevedrá será o 83,9% e no da Coruña 78%.
Durante o anuncio Telefónica quixo pór en valor a extensión da súa banda larga 3G e 4G en Galiza, que chega ao 98% da poboación, o que lles permite facer un acendido do 5G máis rápido que noutros territorios do Estado español.
Para facelo posíbel, Telefónica apóiase nas últimas xeracións de radio que permiten o dobre uso 4G e 5G, co obxectivo de chegar co 5G a un maior número de usuarias desde o primeiro momento. Así, nesta primeira fase empréganse os emprazamentos e a infraestrutura actual de rede para lanzar o 5G coa arquitectura NSA (Non Stand Alone), e se despregará a rede 5G SA (Stand Alone) unha vez que a tecnoloxía esté plenamente dispoñíbel, despois da súa estandarización.
En canto a casos de usos, Telefónica pon en valor o aumento da velocidade, por exemplo ao descargar unha película, así como as posibilidades que ofrece o poder disfrutar de retransmisións deportivas en directos cunha experiencia 360 graos e tamén para o mundo gaming, conseguindo unha experiencia moi semellante á que ofrecen as redes de fibra.
Experiencias piloto
Telefónica tamén está a executar un total de 12 casos piloto en colaboración co nodo Galiza 5G da Xunta e Red.es. Entre eles destacan unha experiencia para levar servizos a clientes fixos aos que non se pode chegar con FTTH, unha experiencia no túnel do Cereixal (Lugo) para a asistencia á condución ou aplicacións de realidade aumentada e streaming ultra rápido nos estaleiros de Navantia Ferrol, entre outros.
Concellos 5G
Os 82 concellos nos que Telefónica xa dispón de acceso as redes 5G son os seguintes, cuxa cobertura chega en varios sitios a outros concellos limítrofes.
- Provincia da Coruña: Abegondo, Ames, Ares, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Boiro, Camariñas, Cambre, Carballo, Cedeira, A Coruña, Culleredo, Fene, Ferrol, A Laracha, Melide, Miño, Mugardos, Muros, Narón, Noia, Oleiros, Ortigueira, A Pobra do Caramiñal, Ponteceso, Pontedeume, Rianxo, Ribeira, Sada, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo, Valdoviño, Vedra, Vimianzo.
- Provincia de Lugo: Burela, Chantada, Foz, Guitiriz, Lugo, Monforte de Lemos, Ribadeo, Vilalba, Viveiro.
- Provincia de Ourense: Allariz, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Ourense, O Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, Verín, Xinzo de Limia.
- Provincia de Pontevedra: Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, A Estrada, O Grove, Lalín, Marín, Meaño, Moaña, Mos, Nigrán, Poio, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa.