Fibra de até 1 Gbps con datos ilimitados no móbil, así son as tarifas de Sweno

O pasado mes de marzo demos conta do acordo asinado entre El Corte Inglés e o Grupo MásMóvil para pór en marcha ao longo do ano a operadora Sweno, un proxecto iniciado hai algo máis de 10 anos e que tras este longo proceso de hibernación agora está máis preto de ser unha opción máis no amplo mercado das telecomunicacións estatais.

Será a partir do próximo 26 de xullo cando as usuarias poidan contratar os servizos desta compañía, que ofrece unha oferta sinxela de fibra, móbil ou combinación de fibra e móbil, á que pronto poderemos sumar enerxía e alarmas, completando un abano de opcións que cada vez é máis habitual atopar paquetizadas.

En total, Sweno ofrecerá tres opcións converxentes de fibra e móbil, que son as seguintes:

  • Tarifa S (54 €/mes). Inclúe fibra óptica de 300 Mbps simétricos e unha liña de móbil con 20 GB e chamadas ilimitadas. Como alternativa, poden terse dúas liñas móbiles de 10 GB cada unha polo mesmo prezo, con chamadas ilimitadas.
  • Tarifa M (69 €/mes). A tarifa M leva fibra de 600 Mbps simétricos e unha liña de móbil con 40 GB e chamadas ilimitadas. Tamén ofrece a posibilidade de ter dúas liñas móbiles con chamadas ilimitadas e 20 GB cada unha.
  • Tarifa XL (89 €/mes). A tarifa máis completa ofrece unha conexión de fibra de 1000 Mbps (1 Gbps) simétricos e unha liña de móbil con chamadas e datos ilimitados. Neste caso, de querer activar unha segunda liña contaría igualmente con datos e chamadas ilimitadas.

A oferta do servizo de só móbil inclúe cinco tarifas diferentes, todas con chamadas ilimitadas:

  • 6 €/mes: só chamadas ilimitadas
  • 7 €/mes: chamadas ilimitadas + 10 GB
  • 20 €/mes: chamadas ilimitadas + 20 GB
  • 30 €/mes: chamadas ilimitadas + 40 GB
  • 35 €/mes: chamadas e datos ilimitados.

Aquelas usuarias de servizos converxentes poden contratar calquera destas tarifas de móbil como liñas adicionais, beneficiándose nese caso dun 50% de desconto.

Por último, Sweno tamén permite contratar só fibra e teléfono fixo, e neste caso ofrece unha única opción con 600 Mbps de fibra e teléfono fixo con ilimitadas a fixos e 60 minutos a móbiles por 47 euros ao mes.

As tarifas de fibra e as converxentes de fibra e móbil teñen unha permanencia de 6 meses a cambio da instalación gratuíta, que no caso de marchar antes supoñen unha penalización máxima de 150 euros, que será proporcional ao momento de marchar.

Sobre o autor

Reply