Jazztel aumenta as velocidades da súa fibra acadando 1 Gbps sen subir de prezo

Jazztel, unha das señas máis icónicas do conglomerado de marcas do Grupo Orange, anunciou no día de onte o incremento das velocidades da fibra da súa clientela, situando a modalidade máxima en 1 Gbps, sen que este cambio supoña unha variación no prezo ou nas condicións de contratación anteriores. Este cambio chega ademais logo de que a compañía tivese incrementado de maneira gratuíta a franquía de datos móbiles nas súas tarifas o pasado mes de maio.

Así, as modalidades de fibra simétrica de 600 Mbps pasarán a 1 Gbps, as de 300 Mbps a 600 Mbps e as de 100 Mbps a 300 Mbps, uns cambios que chegarán tanto ás opcións comerciais de só fixo + internet como a aquelas que unifican nunha única factura o servizo de fixo + internet + móbil, e tanto para a nova clientela como para a actual. As únicas tarifas que non se modifican son o pack converxente Jazztel de 15 GB nin a proposta de conectividade de fogares dirixida a estudantes, ambas as dúas con condicións especiais específicas.

Esta mellora no servizo será efectiva o próximo 20 de setembro, e se aplicará de forma automática nas novas altas. No caso das usuarias actuais de Jazztel o cambio vaise facer de maneira progresiva a partir dese mesmo día.

Sobre o autor

Reply