Netflix volve subir os prezos, chegando aos 17,99 €/mes no plan Premium

Netflix vén de anunciar unha nova suba de prezos no noso país, que supón un incremento dun euro no plan Estándar e de dous euros no plan Premium, as dúas opcións máis empregadas polas usuarias da plataforma de streaming por antonomasia.

Así, tanto a nova clientela – á que xa se lle aplican as novas tarifas desde o luns 11 de outubro – como a clientela actual, á que se lle actualizarán os plans o próximo día 18, pagarán 12,99 €/mes pola subscrición ao plan Estándar, e 17,99 €/mes pola versión Premium. Como estratexia de márketing, a compañía decidiu manter o prezo do plan Básico nos 7,99 €/mes, se ben é certo que se trata dunha versión que non ofrece contido nin en HD nin en Ultra HD, e só permite unha pantalla o tempo, polo que está está máis orientado ao consumo en dispositivos móbiles e non en televisores.

A diferenza entre os plans Estándar e Premium están no número de pantallas nas que se poden reproducir o contido ao mesmo tempo (2 vs. 4), no número de dispositivos nos que se poden ter contidos descargados (2 vs. 4) e tamén en que a versión Premium dispón de contidos en Ultra HD, algo do que carece o plan Estándar.

A competencia mantense (de momento)

Resulta difícil comparar un produto coa competencia, xa que todo dependerá dos contidos que nos interesen, pois aínda que pode haber filmes ou mesmo algunha serie dispoñíbel en varias plataformas, o certo é que o que marca a diferenza é o contido que se pode atopar ou desfrutar en cada unha delas.

O principal competidor de Netflix, HBO, está a piques de lanzar HBO Max, que chega ao noso país o próximo 26 de outubro, por 8,99 €/mes ou 69,99 €/ano (o que supón un aforro da cota de catros meses). Ademais dos contidos de HBO, incluiranse historias de Warner Bros, Max Originals, DC e Cartonn Network. HBO Max ofrece ademais reproducións simultáneas en até 3 dispositivos ao tempo, e contidos en Ultra HD polo mesmo prezo.

Do resto, Filmin custa 7,99 €/mes, Disney+ 8,99 €/mes, Movistar+ Lite 8 €/mes, Apple TV+ 4,99 €/mes e Prime Video 3 €/mes, aínda que este último xa está incluído se somos usuarias de Amazon Prime.

Sobre o autor

Reply