A fibra de 10 Gbps de Orange chega a 1,5 millóns de fogares

A algo máis de dous anos comezamos a oír falar de XGS-PON, un estándar que permite actualizar as redes de fibra óptica que chegan até as nosas casas para conseguir velocidades que se aproximan aos 10 Gbps, dez veces máis da velocidade máis alta das que comercializan a meirande parte das operadoras na actualidade.

Aínda que grandes compañías como Telefónica anunciaron que terían actualizada a súa rede de fibra actual a XGS-PON antes de 2026, o certo é que na actualidade tan só dúas compañías comercializan a clientes particulares conexións de 10 Gbps: Orange e Digi.

No caso de Orange, a compañía anunciou a finais de 2021 o seu produto Fibra Infinity, o nome comercial para a fibra XGS-PON de até 10 Gbps da operadora laranxa. Trátase dun extra que pode contratarse pagando cinco euros adicionais ás tarifas Love de 1 Gbps para actualizalas a 10 Gbps, aínda que só está dispoñíbel en certas zonas con cobertura.

Na súa presentación, a operadora declarou a súa intención de chegar até o millón de fogares no 2022, e nestas datas de 2023 vén de superar o 1,5 millóns de fogares, sobre un total de 17,1 millóns aos que chega a operadora laranxa coa súa rede de fibra óptica.

As cifras están lonxe dos máis de 5 millóns de fogares conectados a unha rede XGS-PON de Digi, a outra compañía que ofrece ese servizo de até 10 Gbps no Estado español, o que parece indicar que tampouco está a ser a principal prioridade de Orange nestes momentos.

Router Livebox Infinity

Ás persoas que contratan a Fibra Infinity, Orange estalles a instalar o router Livebox Infinity, que destaca por incluír unha terceira banda WiFi en 6 GHz. Ademais, tamén instala un repetidor WiFi 6 de dobre banda, co obxectivo de que toda a casa teña a máxima velocidade e cobertura.

Sobre o autor

No Responses

Reply