Fíltranse os Galaxy F15 5G e Galaxy A35 5G, das gamas entrada e media de Samsung

Samsung está a preparar a renovación da súa liña de dispositivos de entrada e gama media, enmarcadas nas series Galaxy F e Galaxy A, respectivamente. E boa mostra diso é que durante os últimos días viñéronse producindo diversas filtracións que nos adiantan tanto características técnicas como imaxes dos novos dispositivos.

Samsung Galaxy F15 5G

Un destes modelos é o Galaxy F15 5G, un novo smartphone de gama entrada que se prevé sexa anunciado oficialmente o 22 de febreiro. Trátase dun dispositivo con pantalla Super AMOLED de 6,6 polgadas con resolución Full HD+ e taxa de refresco de 90 Hz, con notch tipo pinga de auga para aloxar a cámara frontal.

No seu interior, o F15 5G integra un procesador MediaTek Dimensity 6100+, acompañado de 6 GB de memoria RAM e 128 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD. Dispón ademais de 6.000 mAh de batería, con carga de 25W.

No apartado da fotografía temos unha cámara traseira composta por tres sensores, sendo o principal de 50 MP, e os secundarios un ultra angular de 5 MP e unha cámara macro de 2 MP. E se falamos de conectividade, ademais de 5G tamén dispón de WiFi 5, Bluetooth 5.3, NFC para pagos móbiles e conector jack de 3.5 mm para auriculares.

Como sistema operativo, o Samsung Galaxy F15 5G porase á venda con Android 14, contando con catro anos de actualizacións de Android (até Android 18), así como 5 anos de actualizacións de seguridade. En canto ás cores, chegará en negro, lavanda e verde menta.

Samsung Galaxy A35 5G

O segundo modelo que prepara Samsung, e do que tivemos novidades estes días, é o Samsung Galaxy A35 5G, un dispositivo que contará cunha pantalla con resolución de 2340 x 1080 píxeles, procesador de fabricación propia (Exynos 1380) de oito núcleos e 8 GB de RAM.

Será necesario agardar unhas semanas para ter máis información sobre este dispositivo e o resto da gama Galaxy A, a liña “supervendas” de Samsung.

Sobre o autor

Reply