TCL leva aos novos dispositivos a súa tecnoloxía NXTPAPER 3.0

Diferenciarse nun sector tan dinámico como o tecnolóxico é difícil, pero hai marcas que o conseguen apostando por I+D e centrándose en dar solución ás necesidades de diferentes grupos de usuarias. É o caso de TCL, que desde hai tempo vén traballando na súa tecnoloxía de pantalla exclusiva NXTPAPER, que ofrece funcións adicionais para a protección do ollo. A última versión desta tecnoloxía, NXTPAPER 3.0, chegou coa última remesa de dispositivos da marca, que foron anunciados durante o Mobile World Congress de Barcelona.

Como xa avanzamos hai uns días, a nova serie TCL 50 que coñecemos no MWC, ofrecen ás usuarias toda unha gama de dispositivos de entrada e prezo medio que resultan moi interesantes, por contribuír á democratización de tecnoloxías vangardistas, como o 5G ou o son de calidade.

Un dos modelos máis interesantes que descubrimos no Mobile foi a tablet NXTPAPER 14 Pro, dispoñíbel no mercado estadounidense tras ser anunciado no CES de Las Vegas de primeiros de ano. Conta cunha pantalla con resolución 2,8K e taxa de refresco de 120 Hz. No interior leva unha memoria RAM de 12 GB, 256 GB de memoria interna, procesador MediaTek Dimensity 8020 e unha batería de 12.000 mAh con carga de 33W.

Pero non foi a única tablet de TCL que vimos no Mobile. TCL tamén anunciou en Barcelona a NXTPAPER 11, unha tablet con resolución 2K que reduce até nun 61% a luz azul nociva, sen que a calidade de cor ou o brillo -de até 500 nits- se vexan comprometidos. Consegue así o fabricante unha experiencia de visualización óptima en calquera lugar e condicións de iluminación. Con tan só 462 gramos de peso e 6,9 mm de grosor, convértese nunha das tablets máis lixeiras e cómodas da categoría.

Pola súa banda, a TCL NXTPAPER 14 resulta unha opción máis asequíbel ca o modelo Pro. Está equipada coa tecnoloxía NXTPAPER 3.0, e conta coa mesma calidade de pantalla de 14,3 polgadas e resolución 2,4K. E a TCL TAB 10 NXTPAPER 5G é a primeira tablet con tecnoloxía NXTPAPER que inclúe conectividade 5G.

Grazas a esta tecnoloxía NXTPAPER, as tablets transforman a pantalla a cor en dispositivos que simulan a tinta electrónica, conseguindo reducir a fatiga visual. Esta experiencia en branco e negro serve para aforrar batería, mais tamén -e máis importante- para conseguir unha lectura cómoda, especialmente se empregamos a tablet para ler textos longos ou libros electrónicos.

Dispoñibilidade e prezos

A tablet TCL NXTPAPER 11 xa está dispoñíbel no noso país desde 199,99 €, e algún dos outros produtos poderían chegar máis adiante ao longo deste ano.

Sobre o autor

Reply