Vodafone agasalla un proxector Samsung valorado en 999 € adquirindo un Galaxy Z Flip5

Vodafone anunciou esta mañá unha interesante promoción para todas aquelas usuarias que porten as súas liñas á compañía e adquiran un Samsung Galaxy Z Flip5. Xunto o terminal encartábel de Samsung, a nova clientela de Vodafone recibirán un proxector The Freestyle 2nd Gen valorado en 999 €.

A promoción está dirixida a novas clientas que fagan unha portabilidade de contrato á tarifa Vodafone One Ilimitada Dúo. Por 78,90 €/mes, este plan ofrece dúas liñas con chamadas, SMS e datos ilimitados 5G; fixo con chamadas ilimitadas e 600 Mbps de fibra; Vodafone TV con 60 canles e decodificador Vodafone TV 4K, así como Amazon Prime e HBO Max ou Disney+. Ao prezo da tarifa, haberá que sumar o prorrateo das cotas do Galaxy Z Flip5, de 26,50 €/mes durante 36 meses (954 € totais).

Xunto o Galaxy Z Flip5, as usuarias que se acollan á promoción recibirán o proxector The Freestyle 2nd Gen, que xera unha pantalla de 100 polgadas (ampliábel até 160 polgadas). Conta tamén con son envolvente de 360 graos, grazas a un altofalante premium e un sistema de calibración automática da imaxe para adaptarse a todas as superficies. Tamén destaca polo seu sistema de emparellado rápido con outros dispositivos, grazas á tecnoloxía Smart Edge Blending.

Samsung Galaxy Z Flip5

O Samsung Galaxy Z Flip5 é un dispositivo encartábel compacto, que conta cunha pantalla exterior SuperAMOLED de 3,4 polgadas e unha pantalla itnerior de 6,7 polgadas FHD+ Dynamic AMOLED 2X de 120 Hz.

Tras a última actualización de software, inclúe as novidades de Intelixencia Artificial (IA) de Samsung, con Circle to Search with Google (permite buscar rodeando obxectos que aparecen na pantalla); Photo Assist (para retocar fotos engadindo ou eliminando obxectos); Interpreter (como tradutor de conversas); Live Translate (para comunicarse por teléfono en diferentes idiomas) e outras novidades relacionadas co resumo de contidos.

Sobre o autor

Reply