A semana pasada a 3GPP presentou a imaxe oficial da sexta xeración da telefonía móbil, o 6G. Malia que a súa comercialización non se espera até 2030, a industria atópase en pleno proceso de definición, e países como Xapón ou Corea do Sur avanzan nesta tarefa cos primeiros prototipos.
O pasado mes de febreiro, a operadora China Mobile puxo en órbita o primeiro satélite 6G, e agora é Xapón quen ofrece os resultados do seu primeiro prototipo 6G. Xurdido dunha colaboración entre empresas como DOCOMO, NTT Corporation, NEC Corporation e Fujitsu, o proxecto nipón conseguiu funcionar en interiores a 100 Gbps, unha velocidade 10 veces superior aos 10 Gbps do máximo teórico do 5G.
O consorcio xaponés acadou este resultado a corta distancia (uns 100 metros desde o emisor), empregando a banda de 100 GHz para interiores. No caso das probas exteriores, empregouse a banda de 300 GHz.
Como comentamos a semana pasada, aínda queda moito por definir do futuro estándar da telefonía móbil, e non será até arredor do 2030 cando vexamos as primeiras ofertas comerciais. Mentres tanto, as operadoras seguirán a extender as redes 5G, cuxa cobertura fica aínda por baixo do 90% da poboación do conxunto do Estado.