O2 xa ofrece 5G+ nas súas tarifas

De seguro que para moitas persoas pasou desapercibida, mais a última campaña de O2 vén de desvelar unha importante novidade: as tarifas móbiles da segunda marca de Telefónica xa son compatíbeis co 5G+ (ou 5G SA, o chamado “5G real”).

Até o de agora, tan só Movistar e Orange viñan ofrecendo acceso nas súas marcas principais -é dicir, á clientela directa- ao 5G SA (Stand Alone), coñecido comercialmente como 5G+. Mais Telefónica, co obxectivo de seguir posicionando a súa segunda marca, vén de abrir esta nova tecnoloxía ás usuarias de O2, con independencia da tarifa que teñan contratada.

Esta versión, a máis avanzada, diferénciase do 5G NSA (Non Stand Alone) en que este último require de 4G para funcionar. Así, o 5G+ supón maior velocidade, menor latencia e outras vantaxes, como seguridade contra IMSI catchers ou a contribución a unha maior autonomía dos nosos smartphones, ao ter un consumo menor.

Con todo, a cobertura 5G+ de Movistar é aínda moi limitada, e no caso de Galiza limítase aos concellos de Ferrol e Vigo. Orange, a outra compañía que ofrece este servizo, tan só o ten dispoñíbel nas cidades da Coruña e Vigo.

Tras este movemento, cabería esperar que a competencia -Orange- movese ficha para incluíla nalgunha das marcas de baixo custe do Grupo MASORANGE. As usuarias de Vodafone tamén esperan algún movemento da compañía, que malia ser unha das pioneiras no despregamento de redes 5G, até o de agora reserva o 5G SA a entornos empresariais

Sobre o autor

Reply