O Honor Magic6 RSR Porsche Design xa se pode mercar no noso páis

Non é a primeira vez que os mundos da automoción e dos fabricantes de smartphones se unen. E tampouco é a primeira que Honor presenta un dispositivo da man de Porsche Design. Durante o pasado Mobile World Congress puidemos ver o encartábel Honor Magic V2 Porsche Design, e hoxe chega o Honor Magic6 RSR Porsche Design.

O dispositivo rende homenaxe ás décadas de transcendencia dos vehículos Porsche, incorporando elementos estruturais que recordan a excelencia do deseño de Porsche. O módulo de cámara está inspirada na icónica estrutura haxagonal de Porsche, capturando a esencia dos coches deportivos, e facéndoo recoñecíbel ao momento. Unha homenaxe que tamén chega nos materiais, empregando o titaneo, moi apreciado nos deportes de motor, onde se empregan pezas sometidas a grandes esforzos que, ao tempo, deben ser lixeiras. Ademais, a única cor na que se comercializa este modelo no noso país é o Gris Ágata, un ton empregado polo Porsche 911. Porén, na web de Porsche está dispoñíbel ademáis na cor Baia Xeada Metalizada (Rosa).

Honor e Porsche contribuíron para un sistema de fotografía con HDR avanzada, que pode enfocar e detectar obxectos en rápido movemento a distancia con maior precisión. Inspírase na tecnoloxía HDR que está detrás dos Sistemas Avanzados de Asistencia ao Condutor (ADAS), e introduce un sensor personalizado Super Dynamic Honor Falcon Camera H9800, deseñado especificamente para captar imaxes en escenarios de alto contraste. Acada un rango dinámico de até 15EV, seis veces máis ca a xeración anterior.

A súa pantalla é un panel de 6,80 polgadas con resolución FHD+ (1280 x 2800 píxeles) e un brillo máximo de 1800 nits. No interior temos o procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 3, con GPU Adreno 750, e unha combinación de 24 GB de RAM e 1 TB de capacidade de memoria interna. Con esta aposta, o dispositivo ofrece un rendemento excepcional, superando con creces as necesidades das aplicacións e mesmo dos xogos máis potentes.

A súa batería é de 5.600 mAh de capacidade, con carga rápida tanto por cable como sen fíos, onde destaca por ser compatíbel coa carga de 66W wireless. Ten conectividade 5G, NFC, son DTS:X Ultra e resistencia á auga e pó segundo o estándar IP68.

Dispoñibilidade e prezo do Honor Magic6 RSR Porsche Design

O Honor Magic6 RSR Porsche Design xa está dispoñíbel no noso país, onde se pode mercar en Gris Ágata coa combinación de 24 GB de RAM e 1 TB de memoria por 1899 €.

Máis info | Honor

Sobre o autor

Reply