O Google Pixel 4a xa é oficial, e chegará ao noso país por 389 euros

Onte á tarde Google anunciou un novo smartphone, o Google Pixel 4a. Trátase dun modelo de gama media con prestacións de gama alta e que ten como principal obxectivo captar vendas entre as usuarias que queren un smartphone que funcione ben sen ter que se dispare o prezo.

O novo smarphonte con selo Google chega cunha pantalla de 5,81 polgadas e tecnoloxía OLED HDR, cunha resolución FullHD+ (1080 x 2340 píxeles) e unha relación de aspecto 19,5:9. Ademais, leva protección Gorilla Glass 3 fronte golpes e rabuñadas, que se ben non é a última versión, como xa vimos hai uns días, ofrece un plus de garantía.

No seu interior atopámonos co procesador Qualcomm Snapdragon 730G, xunto con 6 GB de memoria RAM e 128 GB de memoria interna. Tamén dispón de sensor de pegadas dixitais, e a súa batería é de 3140 mAh de capacidade, con carga rápida de 18 W

No que Google fai especial fincapé é no apartado da fotografía, a pesar de non ser un dispositivo dos que combinan varios sensores. O Pixel 4a incorpora un sensor principal de 12,2 megapíxeles con tecnoloxía Dual Pixel, autoenfoque e deteción de fase, estabilización de imaxe óptica, apertura f/1.7 e un campo de visión de 77 graos. Do outro lado, na cámara frontal temos un sensor de 8 Mpx, con apertura f/2.0 e campo de visión de 84 graos.

Na parte software da cámara temos HDR+ con controis de dobre exposición, visión nocturna e modo retrato en cambas cámaras, así como panorámica, foto esférica, cámara lenta e acelerada. Porén, o que máis chama a atención é o modo de astrofotografía, pensada para sacar mellores imaxes dos ceos nocturnos co noso smartphone.

De fábrica sae con Android 10, e a garantía de tres anos de actualizacións do sistema operativo completo, ademais das actualizacións mensuais de seguridade, tamén durante tres anos. As persoas que se fagan co terminal tamén disfrutarán de YouTube Premium e Google Play Pass de maneira gratuíta durante 3 meses.

Prezo e dispoñibilidade

O novo Google Pixel 4a xa ten data de lanzamento no noso país. Será a partir do 1 de outubro, por un prezo de 389 euros. En calquera caso, poderase reservar desde o día 10 de setembro a través da tenda oficial de Google.

Google Pixel 4a 5G e Pixel

Google tamén confirmou a existencia de dous teléfonos rumoreados nas últimas semanas, o Pixel 4a 5G (que como o seu propio nome indica é a versión 5G do Pixel 4a), e o Pixel 5, que chegarán a final de ano.

Tamén indicou que o Pixel 4a 5G partirá dos 499 dólares en Estados Unidos, e que estará dispoñíbel en Estados Unidos, Canadá, Reino Unido, Irlanda, Francia, Alemania, Xapón, Taiwán e Australia, polo que podería non chegar ao noso país de maneira oficial.

Sobre o autor

Reply