A finais de ano apareceron as primeiras imaxes das Google Glass Enterprise Edition, que viñeron a confirmar que Google non tiña esquecido o proxecto das futurísticas Glass, senón que estaban a darlle un enfoque diferente, orientándoas a un uso máis profesional e esnaquizando o soño de moitas que debecíamos por unhas.
A nova xeración das Google Glass vén de ser filtrada no seu aspecto final a través dun anuncio na tenda de subastas en liña eBay, onde unha usuaria púxoas á venda por 299 dólares, mais no momento de redactar esta nova xa vai polos 7200, preto de 6400 € co cambio de hoxe.
Esta nova versión das Google Glass non cambian demasiado o deseño orixinal, máis aló de ter as patillas plegábeis e incorporar un botón que permite activar algunhas opcións. O que si que cambian son as súas especificacións, cunha cámara con luz LED para amosar que está a gravar, un novo porto de carga, procesador Intel Atom, maior batería, WiFi na banda de 5 GHz e resistencia á auga.
Que vos parecen?