OPPO incorpora o OPPO A38 á súa serie A

O fabricante chinés OPPO vén de dar a coñecer un novo modelo da serie A, o OPPO A38. Trátase dun dispositivo de entrada, que na liña do Xiaomi POCO C65, ofrece unhas prestacións que destacan en aspectos como a súa autonomía ou por dispor dunha cámara IA de 50 MP.

O OPPO A38 mantense fiel á estética e deseño dos dispositivos máis icónicos da compañía, e tamén ás texturas coa técnica OPPO Glow, que ofrece un aspecto mate dual resistente ás pegadas dactilares. Está protexido a proba de pó e humidades segundo a clasificación IP54.

OPPO A38

A súa pantalla é un panel Sunlight Display de 6,56 polgadas de 90 Hz, e capaz de acadar os 700 nits de brillo, cunha gama de cores DCI-P3 do 96%. No interior atopamos un procesador MediaTek Helio G85, xunto coa configuración de 4 GB de RAM e 128 GB de memoria interna, sendo a RAM expansíbel noutros 4 GB mediante software empregando parte da memoria ROM.

A súa cámara principal é un sensor con funcións de intelixencia artificial de 50 MP, que está acompañado de unha cámara bokeh de 2 MP. Ten soporte para pixel binning, que combina catro píxeles para crear algo máis grande, axudando a preservar os detalles mesmo cando temos pouca luz. Na parte frontal atopámonos cunha cámara de 5 MP.

A batería é de 5.000 mAh, con carga SuperVOOC de 33W, que consegue cargar o 100% da carga nuns 75 minutos. Con 15 minutos de carga ofrece 5 horas de visualización de vídeos de YouTube ou máis de 8,5 horas de chamadas de voz.

Dispoñibilidade e prezo

O Novo OPPO A38 xa está dispoñíbel no noso país, onde se pode mercar en dúas cores: Glowing Gold (dourado) e Glowing Black (negro), nunha única configuración de memorias de 4 + 128 GB.

O seu prezo é de 199 €, e atopámolo tanto no e-commerce oficial de OPPO como nas principais tendas de electrónica.

Sobre o autor

Reply