Consumidores pide unha “contundente sanción” para R e cuestiona a súa capacidade resolutiva

A Unión de Consumidores de Galiza (UCGAL) vén de presentar unha denuncia contra R ante o Instituto Galego de Consumo, a causa da incidencia masiva que mantivo sen servizo de telefonía móbil a centos de milleiros de usuarias de móbilR durante a tarde do 23 e a madrugada do 24 de decembro.

A UCGAL considera na súa denuncia que as telecomunicacións son “un servizo de interese xeral” que, malia prestarse en réxime de libre competencia, non están exentas do cumprimento duns requerimentos de calidade, que desaparece cando deixa de prestarse un servizo durante preto de 24 horas “sen que teña concorrido ningunha circunstancia de forza maior”.

Por iso a UCGAL insta ás autoridade de consumo que, logo da tramitación do correspondente expediente, impoñan unha “contundente sanción” ao operador de cable atendendo ás dimensións dos incumprimentos do servizo e a “posición dominante de R no sector da telefonía móbil en Galiza”, ao tempo que solicita que por parte do operador se acredite que todas as usuarias foron indemnizadas de acordo cos compromisos asumidos publicamente.

R anunciou nas redes sociais que reembolsaría automaticamente cinco veces a cuantía da cota proporcional ao tempo que as usuarias sufriron os cortes de servizo, que non é máis do que lle obriga a lei.

Sobre as acusacións de R a Vodafone

O propio 24 de decembro, R acusou a Vodafone de ser a causante da caída da súa rede a consecuencia do envío de SMS promocionais, algo que desde Vodafone negan rotundamente. Desde a Unión de Consumidores “lamentan que a resposta de R para xustificar a caída do servizo fose culpar a outro operador”, polo que instan ás autoridades galegas da competencia a investigar uns feitos que poden incidir directamente no comportamento económico das persoas consumidoras.

A UCGAL tamén cuestiona o dimensionamento das infraestruturas de R por non poder facer fronte a un “hipotético aumento do tráfico” e a “deficiente ou inexistente” infraestrura replicábel que permitira minimizar as consecuencias para as persoas. Do mesmo modo, a Unión de Consumidores tamén pon en tela de xuízo a capacidade de Orange, operador que agora dá servizo ás usuarias de móbilR e a practicametne 3 de cada 4 OMVs, para soportar todo o tráfico, e non descarta que o proceso de integración dos sistemas de R nos de Euskaltel tamén teñan moito que ver no problema sufrido.

Sobre o autor

2 Comments

  1. karlggest 29 Decembro, 2016 Responder
    • Iago Varela Martínez 29 Decembro, 2016 Responder

Reply