Analizamos a Samsung Gear 360 (2017)

No 2016 Samsung deu o pistoletazo de saída para converterse nun dos primeiros fabricantes en lanzar unha cámara de gravación en 360 graos para uso doméstico. Esta aposta, moi ligada aos seus avances en realidade virtual cos lentes Gear VR (avalados por Oculus), tivo como obxectivo que as usuarias puideran crear os seus propios contidos en 360 graos dunha maneira cómoda e sinxela.

Menos dun ano máis tarde temos con nós a Gear 360 (2017). Como o seu nome indica, trátase dunha nova versión da cámara orixinal, un modelo que ten como principais novidades a gravación en 4K e a posibilidade de retransmitir vídeo en directo a través de streaming. Imos vela máis polo miúdo

Deseño, acabado e conexións.

O deseño da nova Gear 360 cambia radicalmente con respecto anterior. Se antes tiñamos unha bóla con patas, agora temos un trebello máis alongado, co que se facilita o agarre sen ter que poñer as mans sobre os lentes. Na parte superior temos as dúas cámaras, unha a cada lado, grazas ás cales completamos todos os graos de gravación.

Para o seu manexo apenas temos tres botóns, un central para activar a gravación ou tomar imaxes e dous para a xestión e organización do menú. Dispón tamén dunha pequena pantalla onde podemos ver en todo momento o tempo de gravación dispoñíbel, as imaxes que podemos sacar e outra información de utilidade.

Nun dos laterais temos unha lapela que podemos abrir para introducir a tarxeta microSD, imprescindíbel se queremos gravar algo ou tomar imaxes, xa que carece de memoria interna. Do outro lado temos o microUSB para cargar a batería.

Especificacións

No aspecto técnico, a Gear 360 (2017) está equipada con dúas cámaras tipo “ollo de peixe”. Trátase de dous sensores CMOS de 8,5 megapíxeles, coas que se poden gravar vídeos con resolución 4K (4096 x 2048 píxeles) a 24 fps, así como tomar fotos (imaxes fixas) de 15 megapíxeles.

En canto á súa conectividade, leva WiFi (a/b/g/n/ac) nas dúas bandas (2.4 e 5 GHz), mais tamén WiFi Direct para transferencias rápidas das gravacións ao móbil, Bluetooth 4.1 e USB Tipo C, tanto para a carga como para a transferencia de imaxes. A súa batería é de 1160 mAh, que certamente supuxo unha autonomía importante á hora de facer gravacións.

Funcionamento

Aínda que non é imprescindíbel para facer gravacións de vídeos ou sacar fotos coa cámara, para sacarlle todo o partido debemos instalar no noso móbil a aplicación Gear 360 (dispoñíbel tanto para Android como para iOS). A través dela poderemos sincronizar a cámara para facer as retransmisións por streaming nas nosas redes sociais, mais tamén visualizar e transferir as imaxes tomadas coa cámara e crear efectos con elas.

No que vén sendo a cámara, o único que debemos facer é seleccionar que tipo de contido queremos obter (vídeo, foto, …), que cámara usar (frontal, traseira, ambas) e premer o botón co puntiño vermello de gravación. Deste xeito iniciarase o vídeo, a retransmisión ou tomarase unha imaxe, segundo a opción que teñamos escollido.

Resultados

Os resultados optidos coa cámara son de gran calidade, aínda que esta só se pode apreciar no seu máximo esplendor cando están almacenados en local (ben sexa no ou no ordenador) e se visualizan directamente ou a través duns lentes de realidade virtual.

Porén, o procesado de subir os contidos á rede fai que perdan algo de maxia. Un exemplo é o seguinte vídeo, gravado en 4K (pódese elixir esta calidade nas opcións do vídeo de YouTube). O procesado deste portal de vídeos fai que na visualización queden dous ocos negros que se corresponden á unión das cámaras. Este problema non se dá ao ver os contidos na app de Samsung, por poñer un exemplo, mais desluce a visualización na web.

Algo semellante ocorre coas imaxes. A pesar de que os arquivos orixinais teñen gran calidade, á hora de compartilos nunha plataforma como Facebook perden parte da mesma, deslucindo un chisco os resultados reais (podes clicar nas imaxes para velas)

Conclusións

A Gear 360 (2017) é compatíbel con Android 5.0 ou superior, aínda que Samsung recomenda (e só garante) o seu uso correcto vencellado a modelos propios, en concreto aos Galaxy S8/S8+, Galaxy S7, Galaxy S7 Edge, Galaxy S6 Edge+, Galaxy S6 / S6 Edge, Galaxy A5 (2017), Galaxy A7 (2017). Así mesmo, tamén se pode empregar con modelos Apple con iOs 10.0 ou superior (en concreto, iPhone 7 / 7 Plus, 6S / 6S Plus, SE) e ordenadores con Windows ou Mac.

O feito de poder facer as gravacións ou os vídeos en 360 graos pareceunos unha opción moi boa, aínda que nos atopamos coa dificultade engadida de que faltan plataformas onde poder compartir os contidos. Para vídeo, o máis sinxelo é empregar YouTube ou Facebook, que admiten este tipo de contidos, aínda que no caso de YouTube é preciso facer un pequeno “hack” previo no arquivo para que non perda a esfericidade. Máis difícil é compartir imaxes, porque nese caso as opcións (populares) compatíbeis redúcense a Facebook e Google+.

En canto a prezos, ten un PVP de 249 euros, e pódese mercar a través dos distribuidores habituais ou online.

Sobre o autor

Reply